Unha das maiores virtudes dos furanchos é o seu carácter familiar e privado. O feito de que maioritariamente sexan establecementos sen ningún tipo de publicidade nin letreiro, e que se encontren en núcleos afastados dos pobos e cidades, fai que encontralos e chegar ata eles sexa ás veces unha pequena aventura. Mesmo nos mellores casos (para que enganarnos) se descobren un ou dous furanchos máis antes de alcanzar o que se buscaba. Hai lendas sobre aparatos GPS que preguntaron ao propio usuario onde carallo estaban… Isto débese principalmente a dúas causas.

En primeiro lugar, un furancho ten tantos nomes como visitantes, posto que perderían toda a graza se os anunciase un letreiro de Pepsi luminoso. Tamén poden recibir distintos nomes segundo quen se refira a eles. Así pois nós chegamos a bautizalos con nomes tan conxunturais como As Chicas, A Viuda, Neno Bravo, Po Lento, As Moscas (neste caso, o seu nome é tan literal como se queira suponer)… Na secuencia anterior teredes notado un denominador despectivo crecente. É certo, pero sempre se emprega con cariño. Un bo furancheiro debe absterse de cruzar a liña que separa os anteriores nomes doutros menos sutís como “Mata-polos”, “Pés peludos” ou “Pan só e Chewbacca”, sendo este último unha crítica tanto á comida coma ao tecido epitelial do propietario; dobre grosaría. Serán todo o descritivos que queirades, pero seguramente non fan nin chisco de graza aos donos. Entenderedes que cunha nomenclatura tan arbitraria e caprichosa sexa difícil saber onde se encontra.

En segundo lugar, un furancho malia o seu carácter folclórico e tradicional, ten unhas coordenadas xeográficas que adoitan vir expresada en código binario; isto é: encóntralo ou pérdeste directamente. Ata hoxe, o xeito máis doado de acceder a un furancho é a través dunha persoa que xa o coñeza, que á súa vez adoita coñecelo por unha terceira persoa, que á súa vez oíu un día ao seu pai dicir que “alí teñen un viño caralludo”, e así sucesivamente…

Se non é posible viaxar con este iluminado entón procédese á orientación “á galega”. Esta peculiar idiosincrasia do ser galego consiste nun diálogo similar ao seguinte. Chamaremos “BHF” o Buscador Famento de Furanchos e “PGC” ao Paisano Galego…

BHF: Boas… e non saberá como se chega ata a de “nombre_de_furancho_cualquiera”?
PG: Pois se (ou non, que todo pode ser…). Mira, se vas por aquí diante, aló ou fondo está a de Carmucha que ágora ha de estar pechada (si amigos, isto último é información superflua pero inevitable)
BHF: (anotación mental: Ok, o primeiro destino é chegar á casa de Carmucha, por agora vai ben…)
PG:… pois un pouco antes tes un desviu a esquerda que tes que coller… ”
BHF:(anotación mental; Ben, esquéceseme a de Carmucha, hai que xirar antes á esquerda)
PG:… e logo tes que seguir un anaco, vas pasar un alpendre… ”
BHF: (anotación mental: ben, teño que pasar por un alpendre)
PG… boh, máis que alpendre é coma un tellado para ás vacas… ”
BHF: (anotación mental: risco “alpendre” e poño “tellado”… que diferenzas estruturais haberá entre alpendre e tellado?… pero que digo!, se ao meu agora non me importa isto)
PG:… e logo vas ver un camiño que torce á dereita, que hai unha casa alta.. ”
BHF:(anotación mental: ok, isto vai ben, xa debe quedar pouco)
PG:…pois por aí non é… tes que seguir un anaco máis…
BHF:(anotación mental: pero que coño!….)
PG: Logo tes que baixar un anaco ata unha ponte sobre un río. Ti baixa todo, todo, todo…
BHF: Vale, chego ata abaixo de todo…
PG: Non, porque un pouco antes tes que coller á esquerda.
BHF: (anotación mental: imos morrer todos…)
PG:… e logo xa ou vas ver… é doado…
BHF (chorando de estrés, mentres os seus acompañantes lle dan cen golpes no respaldo): Graciñas, deica logo.
PG:Ala, deica logo

Se conseguimos saír mentalmente intactos desta conversación, continuamos a viaxe sen demasiada convicción de encontrar realmente nunca o furancho e seleccionando mentalmente a cal dos nosos colegas nos comeremos primeiro en caso de perdernos para sempre. Nesta hipotética situación, un servidor de vostedes, que co paso do tempo, e debido á súa afección furancheira, se asemella, pavorosamente, cada vez máis a calquera boneco de SouthPark, tería todas as de perder.

Seguinte: Furanchos: manual de uso e equipación recomendada