Chegar a un furancho ou morrer no intento

Unha das maiores virtudes dos furanchos é o seu carácter familiar e privado. O feito de que maioritariamente sexan establecementos sen ningún tipo de publicidade nin letreiro, e que se encontren en núcleos afastados dos pobos e cidades, fai que encontralos e chegar ata eles sexa ás veces unha pequena aventura. Mesmo nos mellores casos (para que enganarnos) se descobren un ou dous furanchos máis antes de alcanzar o que se buscaba. Hai lendas sobre aparatos GPS que preguntaron ao propio usuario onde carallo estaban… Isto débese principalmente a dúas causas.

En primeiro lugar, un furancho ten tantos nomes como visitantes, posto que perderían toda a graza se os anunciase un letreiro de Pepsi luminoso. Tamén poden recibir distintos nomes segundo quen se refira a eles. Así pois, nós chegamos a bautizalos con nomes tan conxunturais como “As Chicas”, “A Viuda”, “Neno Bravo”, “Po Lento”, “As Moscas” (neste caso, o seu nome é tan literal como se queira suponer)… Na secuencia anterior teredes notado un denominador despectivo crecente. É certo, pero sempre se emprega con cariño. Un bo furancheiro debe absterse de cruzar a liña que separa os anteriores nomes doutros menos sutís como “Mata-polos”, “Pés peludos” ou “Pan só e Chewbacca”, sendo este último unha crítica tanto á comida coma ao tecido epitelial do propietario; dobre grosaría. Serán todo o descritivos que queirades, pero seguramente non fan nin chisco de graza aos donos. Entenderedes que cunha nomenclatura tan arbitraria e caprichosa sexa difícil saber onde se encontra.

En segundo lugar, un furancho malia o seu carácter folclórico e tradicional, ten unhas coordenadas xeográficas que adoitan vir expresada en código binario; isto é: encóntralo ou pérdeste directamente. Ata hoxe, o xeito máis doado de acceder a un furancho é a través dunha persoa que xa o coñeza, que á súa vez adoita coñecelo por unha terceira persoa, que á súa vez oíu un día ao seu pai dicir que “alí teñen un viño caralludo”, e así sucesivamente…

Se non é posible viaxar con este iluminado entón procédese á orientación “á galega”. Esta peculiar idiosincrasia do ser galego consiste nun diálogo similar ao seguinte. Chamaremos “BHF” o Buscador Famento de Furanchos e “PG” ao Paisano Galego…

BHF: Boas… e non saberá como se chega ata a de “nombre_de_furancho_cualquiera”?

PG: Pois si (ou non, que todo pode ser…). Mira, se vas por aquí diante, aló ao fondo está a de Carmucha que ágora ha de estar pechada (si amigos, isto último é información superflua pero inevitable).

BHF: (anotación mental: Ok, o primeiro destino é chegar á casa de Carmucha, por agora vai ben…).

PG: …pois un pouco antes tes un desvío a esquerda que tes que coller…

BHF: (anotación mental: Ben, esquezo a de Carmucha, hai que xirar antes á esquerda).

PG: …e logo tes que seguir un anaco, vas pasar un alpendre…

BHF: (anotación mental: ben, teño que pasar por un alpendre).

PG: …boh, máis que alpendre é coma un tellado para ás vacas…

BHF: (anotación mental: risco “alpendre” e poño “tellado”… que diferenzas estruturais haberá entre alpendre e tellado?… pero que digo!, se a min agora non me importa isto).

PG: …e logo vas ver un camiño que torce á dereita, que hai unha casa alta…

BHF: (anotación mental: ok, isto vai ben, xa debe quedar pouco).

PG: …pois por aí non é… tes que seguir un anaco máis…

BHF: (anotación mental: pero que coño!…).

PG: Logo tes que baixar un anaco ata unha ponte sobre un río. Ti baixa todo, todo, todo…

BHF: Vale, chego ata abaixo de todo…

PG: Non, porque un pouco antes tes que coller á esquerda.

BHF: (anotación mental: imos morrer todos…).

PG: …e logo xa ou vas ver… é doado…

BHF (chorando de estrés, mentres os seus acompañantes lle dan cen golpes no respaldo): Graciñas, deica logo.

PG: Ala, deica logo.

Se conseguimos saír mentalmente intactos desta conversación, continuamos a viaxe sen demasiada convicción de encontrar realmente nunca o furancho e seleccionando mentalmente a cal dos nosos colegas nos comeremos primeiro en caso de perdernos para sempre. Nesta hipotética situación, un servidor de vostedes, que co paso do tempo e debido á súa afección furancheira, se asemella pavorosamente cada vez máis a calquera boneco de SouthPark, tería todas as de perder.

Seguinte: Furanchos: manual de uso e equipación recomendada