Por que o facemos?

Como xa dixemos, chegar a un furancho pode ser bastante complicado se non se coñece a situación nin a zona. E aínda que o misterio e certa inaccesibilidade constitúa gran parte do seu encanto e aventura, nós queremos axudarvos a encontrar aqueles locais que coñecemos ou dos cales oímos falar.

Pero non só deFuranchos vai o asunto. Posto que mesmo a definición de furancho, ou loureiro, vai por barrios, decidimos ampliar a nosa lista para incluír tamén aqueles sitios que por calidade, calidez e prezo poden ser considerados próximos ao “ideal” de furancho. En deFuranchos poderedes ver un listado ordenado por zonas para que vos sexa máis sinxelo localizalos se sabedes por onde estades ou ides estar. Cada furancho ten unha pequena descipción. A maioría delas baséanse na nosa propia experiencia, e nalgúns casos podémosvos asegurar que é ampla e variada, mentres que noutros, que aínda non coñecemos, nos baseamos en comentarios doutras fontes. O obxectivo é conseguir o maior listado de furanchos e locais similares ao longo da xeografía galega.

Por collerlle cariño ao noso fígado, non podemos coñecelos todos persoalmente o rápido que nos gustaría, así que en moitos casos, vos invitamos a que seais vós os que fagades o primeiro comentario sobre algún deles. En calquera caso, os comentarios sobre calquera local serán ben recibidos. Sempre respectando, iso si, a reputación de calquera establecemento, que á fin e ao cabo son negocios moi particulares e as críticas ofensivas, poderían ser tomadas directamente como un ataque ao dono do negocio. Por este motivo, os comentarios serán sometidos a unha revisión previa para verificar que non conteñen insultos nin palabras que poidan molestar ou ofender os propietarios dun destes locais. Calquera comentario sobre a comida, bebida, atención, situación, prezo, etc… serán ben recibidas, habendo conta de que respecten unha normas básicas.

Gustaríanos que, grazas a nós poidades coñecer novos lugares para gozar dun bo viño, xa sexa viño de barrantes, ribeiro ou albariño, acompañado dunhas boas tapas ou porcións nun lugar acolledor e a prezos moi razoables. Con produtos da terra e na maioría dos casos, do propio establecemento, o cal é evidentemente un valor engadido. E tamén nos gustaría coñecer as vosas opinións e que as compartades cos demais visitantes. E se xa sodes expertos furancheiros, entón que mellor que esta páxina para que nos contedes as vosas experiencias e poidamos compartir opinións.

Como consello vos diremos que se visitades algún furancho pola zona de Barrantes ou Ribadumia, non deixedes de probar o seu viño de Barrantes que, vos guste máis ou menos, seguro que vos deixa un recordo especial. Porque mancha a lingua e limpa o espírito, quenta os ánimos e arrefría as retesías, pero sobre todo… “é un viño de carallo!” Por iso queremos animarvos a que sigades visitando asiduamente esta páxina, que será actualizada con frecuencia por nós e vós, para coñecer, degustar e opinar sobre estes excepcionais locais tan característicos, e case diría endémicos, de Galicia.

Bo proveito e recordade: nun furancho o tempo non pasa, gózase.