Non fondo dunha cunca descubrense moitas cousas, os máis poéticos dirán que se encontra unha flor, os máis prosaicos falarán do azucre e a calidade do viño, os pesimistas verán unha cunca baleira, os optimistas, sitio para verter máis viño. Algúns quererán descubrir os segredos do universo e hai quen soñará con universos de viño.
Nós descubrimos unha idea…

Como furancheiros practicantes que somos, xurdiu un día o pensamento que toda persoa ten polo menos 10 veces na vida: ” Como podería traballar facendo o que me gusta? ” Isto pode ser complicado se a túa maior afección é enfornar galletas coa forma do Fary, pero cando se trata de comer e beber… en fin, hai que recoñecer que o público potencial se dispara.

E así, entre cunca e cunca, porcións de zorza e tortilla, foron xurdindo as ideas. Ao día seguinte só recordabamos as dúas primeiras, aínda que todo sexa dito, afortunadamente. Porque despois de seis cuncas, algunha idea tardía tería levado probablemente a unha perda da dignidade e reputación.

Nestas circunstancias nace deFuranchos, cuxo nome indica ao mesmo tempo acción e estado. ” Onde vas? ” “Vou deFuranchos”… ” Que fas? “, Estou deFuranchos”… Desa forma, como bo galego, nunca se saberá se vas ou vés nin, cantas de viño tomaches, aínda que isto último pode comprobarse doutras formas que non son obxecto de discusión agora mesmo.

Siguiente: Por que o facemos?