Existe a crenza estendida de que un furancho é un lugar onde se conxuran as tradicións galegas máis ancestrais, e onde a música máis actúal, a rompedora, a que pega forte, son Ana Kiro e Xoan Pardo, pero nada máis lonxe da realidade. De feito, poderían diferenciarse dúas etapas históricas na vida dos furanchos:
1/ Etapa clásica: aquela na que na parede principal coexistían pacificamente o retrato da nai e unha tele Thomson xusto debaixo, para ver principalmente os partidos de fútbol. Televisores tan humildes que nos partidos o céspede do campo empezaba sendo verde para ir tornando nun vermello intenso, o que producía que a selección española fose pouco máis que 11 calzóns azuis correndo.
2/ Etapa posmoderna. Substitúese o vello televisor de tubo (que posiblemente pase a servir como cabeza de espantallo, na liña da mellor arte rural galega) por unha pantallaza plana de 300 polgadas, FullHD, LED, TDT integrado, 5000 pixeis por polgada, dobre pivote na xunta de tracción e condensador de fluzo… Todo iso pode averiguarse polos 100 adhesivos arredor da pantalla. Isto provoca inevitablemente, que o retrato da nai pase a un segundo plano. No mellor dos casos prodúcese o “efecto moucho”, en virtude do cal, permanecen visibles os ollos do retrato. Isto produce unha sensación de angustia e vixilancia perpetua, imposibilitando concentrarse no partido, película, viño, tortilla ou calquera cousa, e forzando a pedirlle perdón por terte meado na cama de pequeno, aínda que non se trate da túa propia nai.
Non obstante e ante todo, un furancho é unha lección de humildade ás grandes superficies comerciais, pois estes excepcionais locais conxugan, en gran parte dos casos, casa familiar, bar estilo ” retro “, e superficie de venda na que podes encontrar dende unha caixa de galletas Cuétara ata un spray mata-cucarachas, pasando por unha caixa de lámpadas… todo a moi escasa distancia, burlándose desas absurdas normas de marketing e hixiene que recomendan separar os velenos das comidas… parvadas!
Seguinte: Chegar a un furancho ou morir no intento