Furanchos: manual de uso e equipación recomendada

Para non estar máis fora de lugar que o barco de Chanquete, faremos algunhas recomendacións para os novatos:

1/ Nun furancho bébense viño e licores, e se estás enfermo, auga. Como excepción, normalmente teñen Coca-cola e algún outro refresco. Isto non é un bar, aquí non hai cervexas, nin claras, nin vermús, nin mojitos… nin nada no que combine máis dun líquido.

2/ O servizo está formado pola xente da casa. Así que recorda que esa rapaza guapa ou rapaz guapo non cobra por aguantar os clientes, pero ti se podes cobrar se o pai que ten ao lado te escoita algo fóra de ton.

3/ Salvo en casos de dificultade extrema, as porcións cómense con escarvadentes ou coas mans. No caso de líquidos ou potaxes permítese o uso de culleres.

4/ Se a pesar de todo recibiches un garfo para comer, o que ten non son restos de comida, son extras, e non chos cobran… sexa agradecido.

5/ Nalgúns furanchos só serven un pincho co viño pero non cociñan porcións se o cliente o pide. Se dis: “Gustaríame unha tortilla!, te poden responder: “E a min unha masaxe pero aguántome”.

6/ Non se piden mariconadas como “a carta” ou “o menú”… hai o que hai e o que non hai hoxe hóuboo onte, e punto.

7/ Se falas en voz baixa e respectando as quendas de palabra, os demais comensais decataranse e mirarante raro. Berra. Tamén axuda soltar un taco de cando en vez, carallo!

8/ O café cortado con dúas gotas de leite e sacarina é unha pijada de cidade. O café é de pota, non de máquina, e as únicas modalidades son “un pouco” e “un pouco máis”. Tamén se pode pedir con leite; adoitan ofrecérllela directamente a quen pediu auga ao principio.

9/ O augardente é da casa, a resaca é só túa… Este é un lema que debes ter na cabeza cando alguén se sirva outro chopo e diga “Está bo este licor-café!” ou “Non probei unha augardente mellor que esta!”.

Considero necesario facer unha advertencia máis. Podería acontecer un exceso de confianza nos novos furancheiros, sobre todo naqueles que pretenden impresionar a algún amigo inexperto nesta materia. Por exemplo, non sería raro que un crecido, pero novato, furancheiro entrase en calquera garaxe aberto, mentres lanza un sorriso cómplice ao señor que se encontra alí pasando a baeta o cárter do vehículo ou tarefa similar. Ante a moi probable dúbida do seu amigo e a cara de “Vou buscar o trabuco” do señor, o noso furancheiro posiblemente exprese: “Naaa, está a disimular, pero isto en realidade é un furancho que eu para isto teño olfacto, pasa home, pasa… ” Mentres o bo home, que só quería poñer a punto o seu coche para ir a un furancho de verdade, mira a un lado e a outro buscando a cámara oculta; o noso valente furancheiro que entrou, literalmente, ata a cociña e se sentou, comeza a facerlle o que el supón son os xestos secretos para indicar que quere beber viño e comer algo, é dicir: chiscar un ollo, levarse o polgar á boca, relamberse os labios, etc. É comprensible que tras isto, o pobre señor xa estea a reformularse se usar a escopeta ou directamente a fresadora. Para líarla máis, o valente furancheiro (e futuro cadáver) pedirá de beber e comer directamente: “Entón, que?… Temos algo de viño por aquí ou non? “. Nin que dicir ten que esta escena xamais rematará cos tres cantando o “Miudiño” e demais cancións populares; así pois, tede coidado á hora de buscar un furancho e deixádevos aconsellar por alguén que saiba.

E para iso estamos nós.

Seguinte: Nós, furancheiros